23 septiembre, 2009

PUNTOS DE SUTURA

Hoxe corteime na man dereita. Foi un corte bastante profundo cun cristal en punta.
Metín a ferida debaixo da billa pero non paraba de sangrar así que tirei do rolo de papel de cociña e envolvín a man. Agarrei o meu bolso e saín a rúa.
Un taxi baleiro apareceu de fronte, pareino para pedirlle que me acercara ata o hospitaliño que hai a uns 300 m da miña casa. O taxista miroume de arriba a abaixo con cara de poucos amigos e con cara de noxo dixo que non me levaba a ningures, que así sangrando non me podía deixar subir, por si era unha "drojadita" ou algo semellante. Suxeriume que chamase a unha ambulancia.
Intentei razoar co tipo dicíndolle que o hospital estaba ó final da calle e que unha ambulancia ía tardar moito máis tempo que ir andando.
Busquei polo bolso o meu móbil, ca man esquerda claro, pero ca presa quedarame na casa, así que saín correndo. A calle estaba chea de xente, cheguei o xardín do camposanto e apurei aínda máis o paso.
Ó chegar ó hospital todo foi ben, eu que non soportaba as agullas e que sufría ó ver unha gota de sangue... mirei resignada como un médico, moi agradable por certo, facía punto de cruz na miña man coma se estivera a coser un botillo ou unha ristra de chourizos.
Así que agora toca a esperar.......... despertando da anestesia vense as cousas de outra maneira!!!

10 septiembre, 2009

Sabios consellos

Hoxe pola mañá cedo, un amigo deume un consello. Normalmente collo o consello, envólvoo con coidado e gárdoo nalgún lugar recóndito da miña cabeza con moito cariño e agradecemento para o que mo deu, pero escondido coma bomba de reloxería por se explota.
Hoxe collín o consello, metino no bolso ca miña cámara de fotos, as chaves e un chisme de gloss para os beizos de sabor a amorodo. Púxenme un vestido bonito e deixei no armario eses pantalóns floxos tan cómodos, ós que miña nai ten alerxia, cos que levo toda a semana. Peiteeime como se fose persoa de novo e non esa adicta a internet e a series patéticas na que me estou convertendo.

Saín da casa cos cascos do mp3 postos mentres cantaba en baixiño "Baba O´Riley" dos "Who".
A cidade estaba chea de coches así que seguín andando, despois cheguei a unha calle chea de xente e seguín adiante... ata que atopei este camiño pequeno.



Ó final do camiño estaba o mar, bravo e azul. Respirei forte e senteime nunha pena, non sei canto tempo pasou porque non levaba reloxo. Cando David Bowie rematou de cantar "life on mars" xa so se escoitaban as ondas batendo na beira.

Sigo botando de menos o zume de laranxa das mañás, despertar polas noites e sentir a túa presenza, coserche o mesmo botón catrocentas mil veces, que sempre cae do mesmo pantalón.... pero hoxe... son un pouco máis feliz.



Grazas a todos os que me estades aturando ultimamente, e grazas polos vosos ánimos e a vosa compaña.