03 mayo, 2009

A verdadeira historia....

A SAIA DA CAROLINA

Fai moitos, moitos, moitos anos, nunha aldea de Galiza preto de Ourense, Don Ramón e Dona Adela tiveron unha fermosa filla. A pequena de ollos mouros e pelo enredado chamouse Carolina

O nacemento foi todo un acontecemento na vila. Para celebralo fixeron unha festa na que o viño, os chourizos, a carne e o pan de broa, parecían non rematarse nunca.

O irmán de Ramón, que vivía por alá por Escocia agasallou a Carolina cunha caixa de madeira chea de pinturas e carbón.

A nena foille collendo o gusto a iso de debuxar e canto máis medraba mellor o facía. Sentábase no alboio ou na bodega a facer retratos, inventaba paisaxes con ceos vermellos e leiras tinguidas de azul.

Unha tarde de chuvia, a familia recibiu unha carta na que se lles comunicaba a morte do irmá de Ramón, que de inmediato dispuxo a longa viaxe en barco, para facerse cargo do enterro e todos os asuntos que este significaba.

Crisanto, que así se chamaba o defunto, marchara de Galiza con trece anos, a traballar de pintor e carpinteiro a unha vila chamada Inverness, preto do lago Ness.

Carolina coñecía ben as mil e unha historias do monstro que o seu tío lle contaba. Agora, triste pola perda, ollaba a inmensidade do lago.

Camiñou pola súa beira ata chegar a un castelo.Quixo dar volta para axudar ós seus pais con todo o trafego do enterro do día seguinte pero non foi quen de afastar a vista da auga. Algo había alí que a tiña enfeitizada.

Coa mirada perdida ficou Carolina un tempo, sentada enriba dun enorme penedo.

Un remuíño no medio do lago sacouna de súpeto dos seus pensamentos. Un remuíño que medraba e medraba, cada vez máis. O vento tiráballe da negra melena e da saia como intentando achegala á auga.

Das profundidades saíron dous enormes ollos mouros, máis mouros incluso cos da Carolina. Alí estiveron un tempo, mirando o un para o outro.

Ninguén sabe o que lle dixo o monstro a Carolina, nin ela nunca o contou. A lenda di que el quedou namorado de ela e que ela rouboulle un bico.

Don Ramón que non atopaba á súa filla, comezou a chamala dende o camiño.

- Carolinaaaaa! Pequena, que fas aquí soa?

Carolina mirou de fronte pero alí xa non había nada, un destello, as nubes deixaban paso as primeiras raioliñas de sol.

- Estaba pintando. Dixo a rapaza mirando as ceras de cores que tiña agarradas nunha das mans.

Carolina non tiña lenzo e debuxou o monstro na tela da súa saia azul, é por iso que din que “a saia da Carolina ten un lagarto pintado”.

Cando fomos a Escocia, pasamos a noite en Inverness, despois de visitar o lago.

Alí descubrín o segredo mellor gardado da miña irmá Sabela. Pelo escuro, grandes ollos mouros e tamén ela lle roubou un bico o monstro do Lago Ness.

Carolina tivo unha filla que tivo un fillo que tivo outra filla que tamén tivo fillos... quen sabe se a cousa non ven de familia?