15 agosto, 2010

LEONSINHO

Leonsinho cumpriu 31 anos o pasado mes de xullo, foi o meu primeiro xoguete, alá no Puerto de Santa María (Cádiz). Se afundes o fuciño na súa pelexa suave, arrecende a xabón, a manteiga, a ceos azuis, a chocolate con leite, a larpeiradas, abrazos, calor....
Ule como ulían telas dos disfraces de cores de cando eramos pequenos.
Por iso, algunhas veces, aínda durme ó meu carón cando vou a miña vila.

14 junio, 2010

Cando perdemos un amigo.....

Cando te fuches empecei por botar de menos as veladas nocturnas na túa casa, estudando historia ata as cinco da mañá, eu sentada no teu sofá co teu xersei posto, morta polo frío do inverno.
Despois botaba en falta a túa risa, que enchía a casa enteira. O resoplar e as tardes a túa beira. Vagueando eu, dicindo ti "pequena, hai moito que facer".
Ese xesto que tiñas cando apartabas o teu pelo longo de diante da cara e descubrías eses ollos máis azuis que o mar inmenso.
O son da armónica que tocabas mentres volvíamos para casa e o son das rodas da túa bicicleta atravesando o xardín.
Os concertos de Jazz e as tardes de cine.
O limpiña que deixabas a miña casa despois de vir cociñar.
Os retratos que me facías a carbón, con ollos tristes e mirada perdida, que ninguén máis ca ti era capaz de atopar. Porque ti falabas para dentro, para ti, murmurabas sin que ninguén te escoitase, pero adiviñabas os meus pesares.
Boto de menos as túas verbas, as noites de escapada facendo fotos. A maneira que tiñas de dicir as cousas sen falar.
Boto de menos non durmir, voar contigo ata Lisboa nun avión de papel feito con escritura en Braille, mentres atravesamos un ceo cheo de moedas e fotos de estradas imposibles.

28 marzo, 2010

A través do espello



A vida ten cousas marabillosas: Os concertos de Jazz no Filloa, as grandes comellonas, as bandas deseñadas de Linniers, unha boa peli no Cegai, a satisfacción de facer as cousas ben, traballar ata as cinco da mañá con café e amigos, bailar como unha tola un mércores de madrugada sen ter que esperar a que sexa fin de semana, o sorriso dos amigos os que queres, durmir na habitación de cando eras nena ca túa gata no colo, a comida dos pais, que nos pinten un retrato a carbón, unha boa serie, o Lago Ness, as ceas de antigos compañeiros de universidade, ir ó ximnasio, beber panachés en Praia da luz, as tapas a un euro da Garimbota todos os martes, debuxar, as kaipirinhas do Bao Bar, recibir unha carta por correo postal e que non sexa unha factura, o licor café do Gomes Gaioso, revelar fotos no laboratorio ca luz roxa e o papel de fibra, a crema de augardente de Allariz, un bo corte de pelo, os calcetíns de cores, un libro que enganche, as revistas do corazón inglesas, o pisiño novo, escoitar un disco de Bowie ou de The cure, facer lentellas para catro, montar unha estantería, o mar, escoitar o ronroneo de Bimba, ouvir os aturuxos nunha muiñeira, unha montaña rusa, un bocadillo canibal do Rogelio, cantar xuntos cancións de "ataque escampe", as pelis de serie B, rir, chorar....
As veces dubido se todo isto que me está tocando vivir é real ou un espellismo, síntome como Alicia mirando a través do espello.

20 febrero, 2010

Chove en Compostela


Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.



Troca o tempo, trocan as estacións, troca a noite polo día, trocan as consignas das manifestacións, trocan as películas no cinema e tamén trocamos nós.
Pero as pedras da praza da Quintana siguen descubrindo vidas a diario: Aquel que vai ó traballo, aquela que chega ca resaca do entroido, outro que baixou da casa para mercar tabaco, outra que pensou en voz alta...
Unha vez ouviron unha historia, ollaron a unha rapaza baixar as escaleiras a pata coxa, sentiron o doce sabor da crema de augardente, escoitaron o latexar do corazón dun home namorado, risas, bailes e bonitas verbas. "Se o candíl non alumea, non se colga da parede, se o candíl non alumea, non se colga da parede e o amor que non é firme non se fai máis caso dele ai lalaaa, ailalaaaa"

03 febrero, 2010

A fotógrafa

Julia Margaret Cameron estame apaixonando.
Naceu en Calcuta, converteuse en fotógrafa ós cincuenta anos de idade. Tiña un carácter forte e persuasivo, era unha sedutora nata.
Foi moi polémica. O propio Lewis Carroll (Alicia no país das marabillas) criticouna ó principio, pero acabou adorándoa cando veu os seus retratos cheos de enerxía.
Experimentaba ca súa cámara o comportamento dos seus amigos que en moitas ocasións posaban para ela. Repetía as tomas unha e outra vez hasta que quedaban como ela quería, nunca retocaba nin ampliaba os seus negativos.
Morreu cen anos antes do meu nacemento e deixounos retratos como este.


Julia Jackson, un retrato por Julia Margaret Cameron, 1867.

Esta foto provócame temor, inquedanza ou algo de desasosego. Podería incluso ser intimidación. Esa mirada, directa e transparente, fai que apartes a vista inmediatamente. O pelo enmarañado, a forma da cara, a dureza da expresión que se volve doce por momentos... faime desexar ser forte e non a chorona, argalleira e protestona que teño vivindo dentro ultimamente.

26 enero, 2010

SEGUINDO CO TEMA....

Seguindo co tema co que comezou fai uns días Chousa da Alcandra, no cal nos falaba do círculo vital, e continuando co de Leoeosseus que nos falaba tamén dun enredo, que remataba igual que comezaba, dispóñome eu a dar a miña visión dos feitos de maneira tamén circular aínda que vista dende un punto de vista máis persoal debido, entre outras cousas, a situación pola que paso.

A vida, dende o meu punto de vista, máis que un círculo seméllame unha espiral.
Naces, medras un pouquiño, nacen os irmáns, medras outro pouquiño, vas á escola e aprendes que no mundo das letras, a raíña "a" está casada co rei "u", que o fedello do príncipe "e" fai chorar a súa irmá a princesa "i" a todas horas, e tamén fai rabiar á princesa "o". Que "q" era un trapecista coxiño e "f" era bombeiro. Levas un desgusto enorme ó cambiar de cole e alexarte do teu mozo e mellor amigo de 5 anos.
Segues medrando. Chegas ó instituto, daste conta que as túas amigas, as letras, seguen mantendo contigo unha estreita relación pero xorden os teus grandes inimigos, os números.
Tes o teu primeiro mozo formal. Comezas a fumar. Rematas o instituto.
Marchas a estudar fóra, descobres a vida universitaria, as manifas, as noites dos xoves, o licor café, a crema de augardente. Rematas a carreira. Sacas o carnet de conducir. Herdas o teu primeiro coche, ó que tes que quitar os fusibles cunha lanterna cada vez que aparcas, porque as luces non se apagan. Traballas de becaria por dous pesos case 10 horas ó día. Volves ó coche e pos os fusibles de novo para volver a casa pola noite. Mercas coche do trinque. Trocas de choio. Deixas de fumar. Abúrreste así que fas un máster.
Independízaste, pagas o aluguer a medias co teu mozo. Trocas de choio de novo. Quedas sen traballo, sen mozo, sen piso. Volves a fumar.
Ata aquí a espiral foi medrando e medrando pero, todos temos 7 espirais (ou máis) como os gatos teñen 7 vidas. Así que empeza a miña nova espiral, agora mesmiño estou sentada sobre unha caixa das moitas que teño para facer a mudanza, comendo xelado de torta de queixo e escribindo este post.
A miña gata Bimba mírame abraiada con tanto movemento estraño.
Estreo vida, estreo piso e para continuar cos cambios na espiral, faime falta cortar o pelo e cambiar un pouco o blogue..... aí vou!!!!!

21 enero, 2010

PARABÉNS IRMÁ

Xa son 26 aniños os que cumple a miña irmá hoxe 21 de xaneiro. Trocou as cores vermellas e verdes do semáforo pola raia negra nos ollazos e polos vestidiños ideais, pero no fondo sigue a ser a mesma rabuda de sempre, a que lle comía a miga as barras de pan sen que se notase, deixandoas baleiras por dentro, a mesma que mordía as caixas dos vinilos do meu pai, a que xogaba conmigo día e noite, a que choraba para que lle puxeran falda todas as mañás antes de ir ó cole, a que facía conmigo bailes, actuacións e películas caseiras, telediarios e trucos de maxia.

Cando sabes que estou nerviosa e pasando por malos momentos, fasme compañía e durmes conmigo. Mil grazas dende os pompóns azulgrana dos meus zapatos ata o gorro que levo na cabeza.